Enlaces accesibilidad

Andrés do Barro, a primeira estrela do pop en galego

  • Andrés do Barro triunfou cantando en galego en pleno franquismo con catro números un
  • Cada vez máis voces consideran que merecería un Día das Letras Galegas
Andrés do Barro. Primeira estrela do pop en galego

O cantante ferrolán Andrés do Barro converteuse nunha das grandes estrelas da música española a comezos dos anos setenta ao lograr catro números un nas listas de éxitos. Un fito especialmente relevante por conseguilo cantando en galego e en plena ditadura franquista. Todo un logro, nunca recoñececido a nivel institucional, polo que cada vez son máis os que entenden que o seu compromiso co idioma galego ben merecería que lle adicaran un Día das Letras Galegas.

Primeiro ídolo pop en galego

«O tren» catapultouno á fama en 1969. Era o seu segundo single despois de que o primeiro pasara totalmente desapercibido. Esa canción incluíuse no disco «Me Llamo Andrés Lapique do Barro» co que o cantante ferrolánse converteu de xeito fulgurante nunha estrela do pop con multitude de fans. Chegou a recibir ata seis mil cartas semanais tal como documentou Fernando Fernández Rego na biografía, Andrés do Barro. A xénese do pop en galego na que tamén afirma que esa canción foi o primeiro número un en galego a nivel nacional.

“Convértese nunha estrela mediática. Comeza a recibir ata 6.000 cartas semanais de fans, unha animalada! “

A principios dos setenta Andrés do Barro é xa unha figura mediática que protagonizaba ata as portadas das revistas do corazón nas que quedou constancia do nacemento dos seus cinco fillos. Mesmo chegou a rodar a película En la red de mi canción xunto a Concha Velasco. Participaba en programas de televisión de gran audiencia como as Galas do Sábado presentado polo histórico Joaquín Prat nos que resulta indisimulable a súa timidez extrema.

Andrés do Barro canta "O Tren" en Galas del Sábado (1970)

Juan Pardo lánzao ao estrelato

Ese primeiro disco de Andrés do Barro é producido por outro galego, Juan Pardo que era xa todo un referente da música a nivel nacional. Andrés e el eran amigos dende a infancia. As súas familias coñecíanse, os dous compartiran escola en Ferrol, os dous estudaron no Tirso de Molina e o destino volveu xuntalos en Madrid no que foi o ascenso meteórico de Andrés do Barro ao estrelato musical. Nese primeiro disco producido por Juan Pardo chegarían aos números un das listas de éxitos, ademais de «O Tren» tamén as cancións: «Corpiño Xeitoso» e «San Antón».

Andrés do Barro y Juan Pardo interpretan "Miña Maruxiña" (1969)

Máis tarde «Pandeirada» sumaríase a esa lista de grandes éxitos ao converterse no cuarto número un do cantante en Radio Nacional e en Los 40 Principales. Todo un fito para un artista nunha lingua cooficial distinta do castelán que unicamente puido superar o catalán Joan Manuel Serrat moitos anos despois en 1996 segundo sostén Fernández Rego. En total, catro números un que cincuenta anos despois ningún outro cantante galego puido igualar.

Dignificar o galego

O compromiso do artista co galego está xa no seu primeiro álbum no que escribe unha valente declaración de intencións en plena ditadura. En Televisión Española Andrés do Barro protagonizou varios programas a principios dos setenta. Nalgúns casos eran emisións monográficas nos que ademais de interpretar varios dos seus temas, o cantante era tamén era entrevistado. Así sucedeu no programa Luces en la Noche (1972) no que lle preguntaron se tería tido tanto éxito cantando en castelán e a razón principal de que decidira escribir todas las letras das súas cancións en galego.

Entrevista a Andrés do Barro

Andrés do Barro conseguiu triunfar na música cantando en galego. Unha aposta decidida polo idioma propio en pleno franquismo no que mesmo as súas cancións sufriron a censura franquista. De feito, o propio Andrés do Barro contou nalgunha ocasión que o seu éxito «O Tren» sufriu o rigor da censura e non foi ata o terceiro intento cando conseguiu que lla aceptaran presentándoa coma se fose unha canción en portugués.

Por esa defensa da música en galego cada vez son máis as voces que se pronuncian a favor de que se lle recoñeza ese compromiso en plena ditadura. Esa promoción do galego pensan moitos ben podería traducirse en que lle dedicaran o Día das Letras Galegas. Fernando Fernández Rego destaca que "tristemente Andrés do Barro morreu sen ter recibido ningún recoñecemento institucional nin sequera na súa cidade natal en Ferrol". A súa filla Andrea pensa que "un reconocimiento cultural" faría xustiza á figura de seu pai polo compromiso co idioma e a cultura galegas co que cimentou a súa exitosa carreira musical.

“Pensamos que un reconocimiento cultural va a hacer justicia con su figura por lo que consiguió y por todo lo que representó durante muchos años. Nos gustaría que se le dedicara un día de Las Letras Gallegas por todo lo que hizo por la lengua gallega“

Andrés do Barro faleceu prematuramente en 1989, con só 42 anos. Este 1 de outubro cumpriría 79. O aniversario serve como lembranza do legado dunha figura irrepetible: a primeira gran estrela do pop en galego e un artista que levou a lingua propia de Galicia ao máis alto das listas de éxitos nun tempo especialmente difícil para a súa expresión pública.