Que tal, bo día...Situación de colapso nas urxencias dos Complexos hospitalarios de Santiago e A Coruña...No CHUS esta semana chegou a haber 38 doentes graves nos corredores pendentes de ingreso.
Sanidade sinala que a situación nos hospitais vaise estabilizando. Con todo, teme o impacto da folga de médicos convocada para hoxe e mañá.
Medio cento de estudantes do IES Elviña, da Coruña, están afectados por un gromo de virus gastrointestinal que está xa investigando a Consellería de Sanidade.
Tras seis anos coa concesión caducada, o concello da Coruña vén de licitar o novo convenio da planta de reciclaxe de Nostián. Terá un orzamento de 585 millóns de euros e unha duración de 25 anos.
Un grupo de bombeiros do parque municipal de Ferrol concentrouse este martes diante do concello para visibilizar o conflito laboral que manteñen co goberno local desde o pasado mes de decembro. O alcalde transmitiulles a súa disposición ó diálogo.