Enlaces accesibilidad

A Xunta suspende a administración das 1.400 doses de AstraZeneca que ía poñer hoxe a menores de 60 anos

  • Os xestores da saúde terán que decidir agora a pauta a seguir con esas persoas
  • Os expertos insisten en que a vacina é eficaz e segura, pese ao número ínfimo de casos de trombos detectados

Por
Suspendidas as vacinas de AstraZeneca previstas hoxe a menores de 60 anos

Hoxe foron desconvocadas as 1.403 persoas dos colectivos profesionais esenciais que estaban chamadas a vacinárense hoxe con este preparado.

O Sergas tamén informou de que está a reprogramar as citas de algunhas persoas de máis de 60 anos debido ao axuste do número de doses dispoñibles, unha vez que no Consello Interterritorial do Sistema de Saúde se acordara que a inmunización de AstraZeneca se vai apliar a partir dos 60 anos.

A área sanitaria máis afectada pola reprogramación é a de Vigo, onde atinxe a 505 persoas, seguida da de Santiago con 400 e a da Coruña con 220.

Nova pauta para os menores de 60 anos

Unha vez cambiado o criterio de idade mínima para recibir este preparado, agora está pendente de establecer ata onde vai chegar a máxima. A maioría das comunidades autónomas, coma Galicia, tiñan ese tope nos 65 anos pero nas horas previas á reunión da Comisión de Saúde Pública barallábase a posibilidade de ampliala ata os 69.

Cal vai ser o protocolo para as persoas de menos de 60 que xa recibiran a primeira dose é outra das decisións pendentes.

Poderían recibir unha segunda dose doutro preparado tal como xa está ensaiado, quedaren unicamente con esa primeira dose, co que a súa inmunización quedaría sobre o 70%, ou recibir esa segunda dose pendente.

No que concordan os expertos sanitarios é en lamentar os cambios de criterio e a desorientación e alarma que provocan na xente.