Enlaces accesibilidad

Malestar dos universitarios ante a continuidade dos exames presenciais

  • O alumnado non entende que continúen os exames nas aulas mentres se suspenden as clases ate o 17 de febreiro
  • As tres universidades galegas consideran necesario e seguro mantelos

Por
Universidade en Galicia: clases telemáticas, exames presenciais

A partir deste mércores e até o 17 de febreiro, cando menos, os universitarios non poderán recibir clases presenciais.

O día 8 reactivaranse as clases, pero de xeito telemático, segundo as normas anunciadas pola Xunta de Galicia para reducir a mobilidade e os contactos nesta terceira vaga.

Porén, os estudantes seguirán acudindo ás aulas para realizar os exames do primeiro cuadrimestre. Así o decidiron as tres universidades galegas, que consideran que é preciso para non desvirtuar a igualdade nas avaliacións, e evitar malas praxes por parte dos alumnos.

É “fundamental que extrememos as precaucións”, aseguran, pero entenden que a seguridade dos alumnos está garantida.

Aglomeracións nos buses e á chegada

Os alumnos levan semanas amosando a súa discrepancia cuns exames que os obrigan a viaxar en autobuses ateigados ata a universidade, ou amosando imaxes nas redes sociais das aglomeracións que se producen nos corredores e ás portas das aulas.

A noticia de que se suspenden as clases, pero os exames continúan, causou outra cascada de queixas. Na facultade de Bioloxía da Coruña, esta mañá estaban citados 70 mozos. Durante as clases presenciais están divididos en varios grupos, pero hoxe reúnense todos para o exame. É unha das incoherencias que sinalan os estudantes, que entenden que os están a poñer en risco con esta decisión.

Reclaman exames telemáticos

Uns teñen condicións de risco, e outros conviven con persoas que son vulnerables.

Cren que os desprazamentos e as xuntanzas que se producen nos exames presenciais poden propagar a Covid e son evitables. Lembran que fixeron case todo o curso anterior de forma telemática, cando en Galicia os datos de incidencia eran máis baixos do que son agora. E que só se produciron incidentes puntuais nalgunha titulación.

A organización estudantil ANEGA advirte ademais de que nalgún caso a suspensión das clases ata o día 8 de febreiro pode provocar que o curso se alongue ate o mes de xullo. Algo que obrigaría aos estudantes de fóra a abonar un mes máis de aluguer ou residencia.